Teléfono/Phone:  (+34)  988 444 401   Email:  aquae@fundacionaqvianova.com



 

O CENTRO

 



PRESENTACIÓN

 

No fisterra de Iberia, á beira do mítico Lethes ou Limia e non lonxe do Mar Océano no que, cada atardecer, mergúllase o sol para iluminar a noite do reino de Hades, asentábase na antigüidade o pobo dos Quarquernos, moradores das actuais comarcas de Bande e Entrimo, na provincia de Ourense. Etnia de raíces prehistóricas moi dilatadas no tempo, sería integrada definitivamente nos dominios romanos tras o proceso bélico das guerrras cántabras ( 25 a 19 a.C.), fixándose o seu capital, caput civitatis, no Castro de Rubiás, inmediacións de Bande, segundo pode deducirse dalgúns indicios de orde arqueolóxica e epigráfico aparecidos no lugar.Por outra banda, é probable que, xa en datas anteriores (138-137 a.C), fosen visitadas estas terras por Décimo Xuño Bruto, chamado o Galaico, quen realizaría o famoso cruzamento do Río do Esquecemento nas inmediacións do actual Porto Quintela, segundo aconsellan, tanto a traxectoria bélica por el seguida, como os condicionantes orográfico-topográficos da rexión. En calquera caso, será neste punto do val do Limia que haberá de establecerse, andado tempo, o epicentro romanizador máis importante de todo o curso do río. Iso motiva que sexa a el precisamente que tentemos referirnos, de maneira preferente, nas páxinas que seguen, por canto, desde 1975 veñen efectuándose no lugar importantes descubrimento arqueolóxicos, investigacións históricas transcendentes, actividades museísticas e de posta en valor dos restos e conservación da contorna natural no que se achan integrados.

 

 Por outra banda, a nosa paraxe áchase insiro no corazón mesmo da incomparable ruta turística que, partindo de Ourense capital, avanza no seu curso ata a monumental Celanova, prosegue por Santa Comba de Bande, distante un quilómetro tan só do noso conxunto, e prolóngase ata as termas de Río Caldo e o paradisíaco parque natural hispano-luso de Xurés-Gerez.


Teléfono/Phone:  (+34)  988 444 401       E-mail:  aquae@fundacionaqvianova.com